IV FESTA DO MAGOSTO


Queridas familias, dende a Xunta Directiva da APA un ano mais queremos festexar a fermosa tradición do MAGOSTO e convidámosvos a facer entre todos unha xuntanza para papar unhas castañas, xogar, escoitar algo de música e estar un anaco de leria. O Magosto terá lugar o sábado, 17 de outubro, de 17,30 h a 20,30 h, na parte superior do colexio, concretamente, no espazo do patio de columnas. A entrada farase por enriba do Colexio (pola zona da guardería). Aconsellamos aparcar na Universidade.

Contaremos como en anos anteriores cos nosos amigos de Feans, para asar as castañas nun asadeiro feito con material de refugallo… ¡non volo podedes perder! 


Quen queira pode traer xantares ou doces feitos na casa para partillar, e que leven, a poder ser, algún ingrediente propio do tempo no que estamos, aínda que non é requisito necesario. Os máis mañosos tamén podedes traer colares e figuriñas de castañas para armar unha mostra de zonchos e creacións artísticas. 
  
Ese día vestide calzado e roupa cómoda porque profesores, pais e avós imos xogar cos nosos fillos e netos ao fútbol, brilé e aos xogos populares de sempre. Lembrade os vosos tempos da infancia para poder ensinarlles a facer bailar as buxainas; darlle á comba ou soster a goma; poderemos facer equipo con eles nunha carreira de tres pés ou de sacos, axudárlles a manter o equilibrio sobre os zancos ou brincar á mariola; demostrarlles as nosas habilidades coa ra, os aros ou a chave,… en definitiva, vide preparados porque imos disfrutar a reo cos nosos cativos dunha tarde de xolda.   

Para a boa organización desta actividade axudaríanos ter unha aproximación da xente que ides asistir. Podedes apuntarvos no formulario adxunto.

Agardamos que vos preste esta actividade e quedamos a vosa disposición para calquera dúbida no correo electrónico da Asociación de Pais (apajesuitinas@hotmail.com).

Comentarios

Entradas populares